Orixes de Novembro
Ensemble Vigo 430:Katarina Leskovar: Violonchelo
Nadia Kalmykova: violín I
Ana Shi: violín II
Adrián Martínez: viola
Brais González: piano Auditorio Martín Códax Sábado, 4 de Novembro de 2023, ás 20:00h Programa
O repertorio do concerto:
V. Žuraj: Ai Marmi para violonchelo solo
Mel Bonis: Sonata Op. 67 para violonchelo e piano
K. Penderecki: Capriccio per Siegfried Palm para violonchelo solo
A. Webern: Langsamer Satz
G. Kurtag: Signs, Games and Messages para trío de cordas
I. Xenakis: Dhipli Zyia para violín e violonchelo
Notas ao programa.
1º) O REPERTORIO
Como vén sendo habitual, a Orquestra Vigo 430 combina repertorio orquestral e camerístico, instrumental e operístico, clásico e contemporáneo.
Nesta ocasión temos a oportunidade de desfrutar dunha solista excepcional e dun repertorio que non é anterior ó século XX, e que toca diferentes agrupacións, dende o violonchelo solo ata o cuarteto de corda, pasando polo duo e o trío.
Este é o repertorio:
- Žuraj: Ai Marmi
Mel Bonis: Cello Sonata, Op. 67
- Penderecki: Capriccio per Siegfried Palm
- Webern: Langsamer Satz
- Kurtag: Signs, Games and Messages
- Xenakis: Dhipli Zyia
1ª obra: V. Žuraj, Ai Marmi
Esta breve peza para violonchelo solo emprega toda unha serie de recursos técnicos para explorar distintos efectos e sonoridades, e malia que a simple vista asemelle renunciar á melodía como elemento temático, hai células que ao se repetiren adquiren a función cohesiva que a melodía tiña no Clasicismo. Melodías en rexistro sobreagudo alternando con pizzicatos nos graves, abundancia no uso de harmónicos, golpes de arco sul ponticello, dobres cordas e o xogo coa afinación habitual simultaneada co uso dos cuartos de ton dan a esta obra experimental un interese que vai más aló do desenvolvemento técnico das posibilidades expresivas do chelo, e que goza dunha cohesión e coherencia perceptibles.
Non de balde, o seu autor, o compositor esloveno Vito Zuraj, considera que a creatividade está relacionada intimamente co xogo (entendido en termos de experimentación e exploración), no eido da arquitectura musical. Así o expón na súa web:
2ª obra: Mel Bonis, Cello Sonata, Op. 67
Mélanie Hélène Bonis, máis coñecida coma Mel Bonis (1858-1937), foi unha prolífica compositora francesa de finais do Romanticismo. Compuxo máis de 300 pezas, estudou no Conservatorio de París e tivo ilustres Mestres coma César Franck, Ernest Guiraud e Auguste Bazille.
A súa Sonata para chelo e piano en fa maior, op. 67, composta en 1905, consta de tres movementos, nomeadamente:
- Moderato quasi Andante – Allegretto
- Très lent
- Final. Moderato molto – Allegro con fuoco – Quasi andante – Lento – Mouvement de l’allegro – Vivo – Mouvement de l’allegro – Maestoso – Mouvement de l’allegro sans presser
A pesar da aparente disposición clásica desta sonata tripartita, e de que en todo momento se perciba con claridade se é o chelo ou o piano quen leva a voz cantante, harmonicamente estamos ante unha obra tonal que, sen embardo, non renuncia a explorar os límites da tonalidade, a través dun uso bastante libre da disonancia, da abundancia de cromatismos, e do rexeitamento dun único tipo de textura: así, no primeiro movemento asistimos a unha forma tripartita na que hai un tempo inicial máis lento, ao que segue unha sección central máis viva, antes de retomar o tempo inicial. Na primeira sección predomina a monodia acompañada, aínda que o uso de frases musicais predominantemente acéfalas resta rotundidade ó discurso musical (cando o chelo ten inicio de frase en parte forte, tético, o piano cédelle o protagonismo cun silencio de negra, tralo cal inicia o seu acompañamento acéfalo; e viceversa). Na segunda sección, máis viva, hai unha pasaxe de contrapunto imitativo (fan un canon, de feito), tralo que retoman a textura anterior.
Os xogos melódicos parecen supeditados á idea posromántica da expresión dun ethos tráxico, o que se reflicte no recurso das escalas cromáticas descendentes (un tópos xa destacado no Barroco, máis concretamente na estela dos lamentos das ninfas), e o xogo contrapuntístico da imitación rítmica por disminución vese claramente no terceiro movemento, en ámbolos dous instrumentos.
O segundo movemento, nun sorprendentemente afastado si bemol menor, e cun compás tan infrecuente coma o 3/2, expande este ethos tráxico a través de repetir dun xeito case obsesivo o tema inicial, que non é outro que a melodía de seis negras que se repite en cada compás, as catro primeiras descendendo nun tetracordo que reforza o expresado anteriormente, e cun salto descendente na quinta nota para ascender na sexta.
Chelo e piano dialogan en igualdade de condicións, e avanzado o movemento veremos a utilización invertida deste motivo melódico (catro negras ascendentes por graos conxuntos, un salto ascendente e unha segunda descendente). Tras unha pasaxe de hemiolias no chelo (que pasa a agrupar de catro en catro as negras, en lugar de de seis en seis), retornamos ó tema inicial. A expresión do sentimento tráxico non pode ser máis decadente e expresiva.
O terceiro movemento, moi rico en cambios de tonalidade, compás e tempo, é un mostrario de distintos graos de paixón, xa que transmite non menos de catro estados anímicos diversos e mesmo contrastantes, para acabar finalizando no último momento cun inesperado carácter triunfal. Obra perfectamente dialóxica na que a tonalidade parece disolverse con tantos cromatismos e cambios de centro tonal, pero na que o melodismo non desaparece nunca.
3ª obra: K. Penderecki, Capriccio per Siegfried Palm
Krzysztof Eugeniusz Penderecki foi un compositor e director de orquestra polaco, coñecido polo seu destacado papel no eido da música atonal.
Recibiu importantes premios como o Premio da Fundación Wolf das Artes, o Premio Grawemeyer de Composición (1992, pola obra Adagio), o Premio Príncipe de Asturias nas Artes (2001) e o Praemium Imperiale (2004).
A obra que escoitaremos hoxe é de 1968, e está dedicada a Siegfried Palm, quen foi un famoso chelista para quen outros grandes compositores fixeron obras (Kagel, Ligeti, Xenaquis, Zimmermann e Penderecki).
A obra dedicada a este músico é un capricho, o que fai fincapé no carácter rapsódico e na gran dificultade técnica do mesmo. Empregando todos os efectos de man esquerda (pizzicato, percusión coa palma en diversos puntos do chelo, harmónicos, etc) e man dereita (tanto co arco sul ponticello, ou no cordal, ou polas cordas pero dende debaixo e non dende arriba, coma coa man sen arco, con pizzicatos, percusións etc), esta obra explora os límites entre o ruído e o son musicalmente “domesticado”, e emprega os silencios coma células regulares que abren e pechan cada nova exploración sonora.
4ª obra: A. Webern, Langsamer Satz
Anton von Webern foi un dos principais compositores da Segunda Escola de Viena: discípulo de Arnold Schoenberg, contribuíu de xeito decisivo ó desenvolvemento do dodecafonismo e experimentou no eido do serialismo integral.
A obra é de 1905, para cuarteto de cordas. O seu nome (“Movemento lento”) resume á perfección o que nos atopamos: unha fermosa melodía cun enorme lirismo, sorprendentemente tonal (mi bemol maior) a pesar das moi frecuentes disonancias e notas extrañas, e cun tratamento moi contrapuntístico do material sonoro. Inversións da melodía, imitacións, xogos polirrítmicos facendo coincidir o binario e o ternario, harmonizacións a tres partes coa melodía octavada entre a viola e o violín primeiro, e a utilización dos catro instrumentos coma iguais á hora de asumir a función melódica e o acompañamento fan desta obra unha delicia para o oído, con momentos de intensidade expresiva que recordan a Brahms, e con ese aquel especial que identifica as obras do século XX.
Dise que esta obra foi inspirada nun paseo polo campo entre as montañas, nun periodo vacacional nas montañas fóra de Viena co seu fillo a piques de se prometeren, e coa que sería a súa esposa.
4ª obra: G. Kurtag, Signs, Games and Messages
.
György naceu en Lugoj, Romanía, preto de Ligeti. Ambos compositores quixeron estudar con Béla Bartók, pero morreu antes do seu regreso dende EEUU. Estudou piano, composición e música de cámara con outros profesores da Academia de música de Budapest.
A primeira peza que escoitaremos, da súa obra para trío de corda Signs, games and messages titúlase Virág az ember, e nela podemos escoitar como entre os tres instrumentos van construíndo algo semellante a unha melodía a partir dunha nota, cada vez máis grave, no que resulta ser un xogo sonoro.
En Perpetuum mobile créase un motor sonoro tras outro a partir da repetición obsesiva de diferentes patróns melódicos, con arco, en pizzicato ou mesmo con efectos sonoros. En xeral a confusión evítase no momento en que se abandona cada patró para substituílo polo seguinte.
En Ligatura asistimos á utilización da disonancia nun contexto sonoro que por momentos lembra a un acordeón, e no que o latexar do conxunto, sustentado nos oportunos e imprescindibles silencios que enmarcan as distintas intervencións melódicas dos instrumentos, vai sorprendendo ó público con cada nova idea musical.
En Hommage a Ránki György (Pizzicato-keringo) o conxunto renuncia á utilización do arco, e contribúe á creación (en tempo de vals) dunha melodía bastante xoguetona e impredecible nun entorno intimista, no que os silencios seguen a ser fundamentais para marcar as seccións e facilitar a comprensión da obra.
En Jelek VI a agresividade do conxunto, coa dinámica tan brusca do comezo e coa utilización tan libre da disonancia, fan pensar nunha liorta ou discusión.
5ª obra: I. Xenakis, Dhipli Zyia
Yannis Xénakis foi un compositor destacado na música electrónica, electroacústica e foi o creador da música estocástica.
A súa obra Dhipli Zuia, escrita para dúo violín-chelo, explora de xeito honesto e sen trabas as sonoridades desta agrupación, empregando para iso os diversos recursos técnicos da mesma, e xogando cos cambios de compás (empregando compases binarios e ternarios, e mesmo de pé quebrado, a saber 5/8 e 7/8), suxerindo por momentos a música de carácter popular tradicional ó crear a ficción dun pedal inexistente, e saboteando continuamente calquera establecemento dun centro tonal claramente definido. Os dous instrumentos están en igualdade de relevancia e intercambian as funcións de melodía e acompañamento, habendo unha sección central na que ambos tocan ao unísono.
Notas ao programa de:
David Rodríguez Rivada
- Tempada
- Orixes de Outubro · 14 de Outubro de 2023
- Orixes de Novembro · 04 de Novembro de 2023
- Orixes de Decembro · 15 de Decembro de 2023
- Orixes de Xaneiro · 27 de Xaneiro de 2024
- Orixes de Febreiro · 24 de Febreiro de 2024
- Orixes de Marzo · 22 de Marzo de 2024
- Orixes de Abril · 20 de Abril de 2024
- Orixes de Maio – Xuño · 02 de Xuño de 2024
-
Katarina Leskovar
Violonnchelo
Katarina Leskovar está tocando a nivel internacional coma solista, en música de cámara e coma música orquestral e vén de recibir premios internacionais. Caracterízase por buscar paralelismos entre o antigo e o moderno e está a abranguer diversos eidos musicais.
Katarina tocou en lugares tan destacados coma o Beethoven-Haus Bonn, Musikverein Vienna, Alte Oper Frankfurt, Semperoper Dresden, Cité Internationale des Arts Paris, Concertgebouw Amsterdam e en festivais coma Lucerne Festival, Davos Festival, Warsaw Autumn, Ruhrtriennale, Klangspuren Festival, Carinthian Summer, Festival Ljubljana e o Chamber Music Festival Hohenstaufen. Ela estreou obras de Beat Furrer, Thomas Kessler, Svetlana Maraš, Judit Varga, Uroš Rojko, Jean-Jacques Dünki e moitos máis.
Membro de Gustav Mahler Youth Orchestra con concertos dirixidos por Herbert Blomstedt, Jonathan Nott e Christian Thielemann coa Staatskapelle Dresden, Katarina interpretou como solista coa RTV Slovenia Symphony Orchestra e participou en master classes con membros do Ensemble Modern, Ivry Gitlis, Wolfgang Emanuel Schmidt, Torleif Thedeen, Wen-Sinn Yang e outros.
Completou os seus estudos coma solista na Berlin University of the Arts, e previamente estudou chelo na Hochschule für Musik Carl Maria von Weber Dresden, a Hochschule für Musik Basel e a University of Music and Performing Arts Graz, nas clases de Julian Arp e Danjulo Ishizaka, así coma tamén música contemporánea con agrupacións da zona experimental. Ela estivo becada coa Basel Sinfonietta.
-
Brais González
O compositor e pianista vigués Brais González estudou na Universidade Mozarteum de Salzburgo e nos conservatorios de Vigo e Oviedo. Actuou como solista e músico de cámara nunha vintena de países europeos. Como compositor, as súas obras foron interpretadas en importantes escenarios do continente, como o Auditorio de Galicia, o Conde Duque (Madrid), o KUMU (Estonia), o Baltais Fligelis (Letonia) ou a Galeria Flux (Hungría). Os seus traballos discográficos en solitario afondan na súa exploración da linguaxe e composicións clásicas coas músicas improvisadas e de raíz. É fundador de Caspervek Trio, unha das bandas europeas de referencia na musicalización de cine mudo en directo. Na súa labor fóra do eido da música académica, participu como arranxista e productor do álbum do cantante folk Nelson Quinteiro “Músicas de Domingo”, na composición e producción da música incidental para obra teatral “Pyka” do Colectivo CinemaSticado e na composición e deseño musical da multi-premiada curtametraxe de Diego R. Aballe “Canibalismo”. En 2021 ven de publicar co selo IBS unha escolma de sonatas do barroco italiano xunto ao violinista Roberto Alonso.
Dende o ano 2014 codirixe e produce o podcast de musicoloxía e divulgación musical “Anónimo IV” xunto á investigadora Erea Carbajales. É cofundador do proxecto “Bórea”, unha iniciativa con base en Suiza que busca explorar as relacións entre a música de cámara e as novas tecnoloxías dixitais.
Ti tamén formas parte da Orquestra Vigo430. Queres saber como podes colaborar?