Orquestra Vigo 430, paixón pola música.

Pablo Puga

Director

Pablo Puga, malia a súa mocidade, continúa a perfeccionar a súa técnica coa batuta baixo a guía de recoñecidos mestres da dirección orquestral. A súa formación sobre o podio comezou en 2016 na Academia Opus 23, da man dos prestixiosos directores Miguel Romea e Andrés Salado. Compaxinou os estudos de dirección cos últimos anos de violín no Conservatorio Profesional de Vigo —a súa cidade natal—, na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela, e máis tarde no Conservatorio Superior do País Vasco “Musikene”.

A súa paixón polo violín levouno a recibir clases de intérpretes como Tatiana Samouil, Andoni Mercero, Yun-Peng Zhao, Edita Shulman ou Ildikó Oltai, cos que afondou na técnica violinística e desenvolveu unha visión orquestral ampla e profunda, que se reflicte na claridade e precisión do seu xesto como director.

Como violinista, destaca a súa traxectoria de sete anos na Orquestra Xove Sinfónica de Galicia, onde traballou baixo a dirección de mestres como Alberto Zedda, Dima Slobodeniouk, Roberto González-Monjas ou Krzysztof Penderecki, entre outros moitos.

No eido da dirección, foi convidado ao podio de orquestras como a Camerata Arven, a Xove Orquestra de Sevilla, a Orquestra Vigo 430 ou a Orquesta Behotsik. Ademais, exerceu como director asistente xunto a figuras da talla de Leonard Slatkin, Eliahu Inbal, Pablo González, José Miguel Pérez-Sierra, Roberto González-Monjas, Rubén Gimeno, Juanjo Mena ou Dima Slobodeniouk, colaborando tanto coa Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia como con orquestras profesionais como a Bilbao Orkestra Sinfonikoa, a Orquestra Sinfónica de Galicia ou a Orquestra Sinfónica de Castela e León.

A súa formación é constante, participando en numerosos cursos e clases maxistrais de dirección, como o organizado en 2018 pola Orquestra Sinfónica de Galicia e o seu titular, ou o curso impartido por Rüdiger Bohn en Vilna coa Lithuanian State Symphony Orchestra (xaneiro de 2022). Complementa este labor coa asistencia habitual a ensaios da Orquestra e Coro de RTVE e da Orquestra e Coro Nacionais de España.

En 2023, xunto ao mago internacional Xulio Merino e a súa axencia Preludio Management, creou o concerto familiar O fantasma melómano, no que a música e a maxia se dan a man. O proxecto estreouse en novembro no Auditorio de Valga (Pontevedra) e en abril no Auditorio de AFundación de Pontevedra, dentro da tempada sinfónica da Camerata Arven, e continúa xirando por toda a península.

Tras un ano como director titular da Xove Orquestra Sinfónica de Pontevedra, actualmente é director titular e artístico da Orquestra Sinfónica da Universidade Politécnica de Madrid, con tempada estable no Auditorio Nacional de Música.

Solista

Rachel Ellen Wong

A violinista Rachell Ellen Wong é unha intérprete única e vibrante, igualmente cómoda tanto no repertorio barroco como no violinístico clásico e romántico. En 2020 fixo historia ao ser galardoada […]

Ler máis
Solista

Lucie Horsch

Lucie Horsch (1999) aos seus 22 anos é unha apaixonada defensora do seu instrumento. Nena prodixio da frauta de pico e convertida nunha virtuosa do Barroco, Horsch é unha artista […]

Ler máis
Solista

Maya Purdue

Nada en Tokio, a pianista Maya Purdue deslumbrou ao público en Europa e Asia, e estase a consolidar rapidamente como un novo talento da próxima xeración de pianistas. Despois de […]

Ler máis