Orquestra Vigo 430, paixón pola música.

F1: 20 de setembro: "MONÓLOGOS E DIÁLOGOS"

Entrada de Balde ata completar aforo Concatedral Sta. María - Colexiata Sábado, 20 de Setembro de 2025, ás 21:00h Programa

 

 

Programa de Man

Disfruta da intimidade e expresividade do violonchelo en solitario con obras mestras de Cassadó, Piatti e Bach, explorando dende a alma española ata a profundidade barroca. A segunda parte celebra a unión musical co vibrante Sexteto de Brahms, unha auténtica “sinfonía de cámara”.

PROGRAMA:

1ª parte: Yibai Chen violonchelo só

• G. Cassadó: Suite para violonchelo só
• A. Piatti: Capriccioso sopra un tema della Niobe Op.22
• J.S. Bach: Chacona da Partita nº. 2 en re menor (orixinal para violín só) BWV 1004

2ª parte: Mira Foron violín + Carla Guillén viola + Yibai Chen violonchelo + Ensemble Vigo 430 (Mario Péris violín II, Javier Escobar viola II, Isabel Figueroa violonchelo II)

• J. Brahms: sexteto en si bemol maior, op. 18

 

Unha exploración da solidez e a comunión. A Suite para violonchelo só de Gaspar Cassadó (1926) sintetiza o barroco (evocando a Bach) coa alma española (rasgueos flamencos, ritmos de zapateado), mentres o Capriccioso de Alfredo Piatti (Op. 22) transforma un aria da ópera Niobe de Pacini nunha peza de bravura técnica, chea de dobres cordas e pasaxes en sul ponticello. A Chacona de Bach (BWV 1004), adaptada ao violonchelo, é un monumento á resiliencia: a súa arquitectura en 32 variacións constrúe unha narrativa cósmica que vai do lamento á transcendencia. Na segunda parte, o Sexteto en si bemol maior de Brahms (Op. 18) é unha obra de madurez precoz, onde o compositor xermaniza a forma camerística cunha introdución en forma de coral e un desenrolo temático que anticipa as súas sinfonías. O diálogo entre as catro cordas graves (dous cellos, dúas violas) crea unha profundidade inigualable, cualificando esta peza como unha “sinfonía en miniatura”.

 

  • Mira Foron

    Descrita como unha intérprete cun talento “que vai moito máis alá do mero virtuosismo técnico”, Mira Foron debutou aos 14 anos na Tonhalle de Zúric interpretando o Concerto para violín de Mendelssohn. Foi posteriormente escollida para representar a Alemaña no concurso Eurovision Young Musicians, onde actuou na final coa BBC Scottish Symphony Orchestra baixo a dirección do seu director titular, Thomas Dausgaard.

    Actuou en salas de prestixio como a Berliner Philharmonie, a Elbphilharmonie de Hamburgo, a Liederhalle de Stuttgart, o Konzerthaus de Dortmund, o Konzerthaus de Viena, o Festspielhaus de Salzburgo, a sala de concertos de Gotemburgo, o Usher Hall e o Copenhagen Summer Festival, entre outras. Entre as súas numerosas aparicións como solista destacan concertos coa Rostock Philharmonic Orchestra, a Orquestra Nacional de Ucraína dirixida por Volodymyr Sirenko e a Filharmónica de Dortmund baixo a batuta de Martijn Dendievel.

    En 2022 ofreceu o seu primeiro recital no Festival Mecklenburg-Vorpommern, e en 2023 participou no Gezeitenfestival, no Krzyżowa Music Festival e no Verbier Festival.

    En 2024 actuou no Festival International de Colmar, no prestixioso Festival de Musique de Menton e en trío con piano no Schloss Elmau xunto a Gautier Capuçon. Tamén debutou coa Südwestdeutsche Philharmonie Konstanz dirixida por Marcus Bosch, coa Sarajevo Philharmonic Orchestra baixo Evan Alexis Christ e coa Stuttgart State Orchestra interpretando o Concerto para violín nº 1 de Shostakovich baixo a dirección de Cornelius Meister.

    Nacida en Stuttgart nunha familia de músicos, Mira comezou a estudar violín aos cinco anos. Nese mesmo ano foi aceptada como alumna júnior na Universidade de Música de Hannover. Actualmente é alumna de Julia Fischer no Conservatorio de Múnic.

    Foi convidada por Anne-Sophie Mutter a formar parte dos Mutter’s Virtuosi nos concertos de aniversario da violinista, tanto no Festival de Salzburgo como no Festspielhaus de Baden-Baden. Mira é bolseira e embaixadora da Deutsche Stiftung Musikleben e da Mozart Gesellschaft Dortmund.

    Desde 2023, é tamén gañadora dunha bolsa da Fondation Gautier Capuçon en París.


  • Yibai Chen

    Premiado en múltiples concursos internacionais de violoncello de alto prestixio, Yibai Chen está a consolidarse como un dos violonchelistas máis prometedores da súa xeración. A súa interpretación foi descrita como “sinxelamente extraordinaria”, cunha “técnica impecable que amosa ao tempo unha tenrura e sensibilidade sinceras”, así como “un son persoal e unha auténtica presenza escénica”.

    Desde que acadou o segundo premio no prestixioso Concurso Rainha Elisabeth de Violoncello en 2022, Yibai Chen iniciou unha carreira internacional chea de exitosos debuts e xiras. Tamén foi gañador de importantes premios nos concursos de violoncello Lutoslawski 2018, George Enescu 2018 e Chaikovski 2019, sendo o candidato máis novo en todas as categorías.

    Yibai Chen recibiu grandes eloxios da crítica polas súas colaboracións con orquestras e directores de prestixio internacional. Na tempada 2023/24 actuou en dúas ocasións coa Orquestra Nacional de Bélxica, baixo a batuta de Hugh Wolff, interpretando o Concerto para violoncello nº 1 de Shostakovich. No ano 2024 realizou a estrea mundial do Concerto para violoncello do compositor belga Piet Swerts na prestixiosa sala Bozar, dirixido por Joshua Weilerstein. Tamén actuou coa Brussels Philharmonic, a Filharmónica de Varsovia, a Filharmónica de San Petersburgo, a Orquestra Sinfónica de Basilea, a Filharmónica Janáček, a Filharmónica George Enescu, a Orquestra Filharmónica do Suroeste Alemán de Constanza, a Haydn Philharmonie, a Orquestra Real de Cámara de Valonia e a Orquestra de Cámara Amadeus da Radio Polaca. Ten colaborado con recoñecidos directores como Eivind Aadland, Stéphane Denève, Christian Ehwald, Nikolay Alexeev, Vahan Mardirossian, Daniel Raiskin, Maciej Tworek e Vassily Sinaisky.

    Na China, Yibai Chen mantén unha intensa colaboración cos principais directores e orquestras do país. Foi convidado polo mestre Long Yu para interpretar o Concerto para violoncello nº 1 de Philip Glass coa Orquestra Sinfónica de Shanghai, e tocou o Concerto de Dvořák coa Orquestra Filharmónica da China. Destaca especialmente a estrea en China do Concerto para violoncello de Korngold, que tivo lugar en Pequín o 29 de decembro de 2022. Ademais, actuou coa Orquestra do Centro Nacional para as Artes Escénicas, a Orquestra Filharmónica de Shanghai, a Sinfónica de Guangzhou, a Filharmónica de Hangzhou, a Sinfónica de Zhejiang, a Sinfónica de Ningbo, a Sinfónica de Guiyang, a Sinfónica de Qingdao, a Sinfónica de Chengdu e a Orquestra Filharmónica de Wuhan, con directores como Muhai Tang, Guoyong Zhang, Jia Lü, Yang Yang, Yi Zhang, Ji Yu, Yifan Sun e Yukuang Jin.

    Yibai Chen participou en numerosos festivais internacionais de música, como o Festival “Chopin e a súa Europa”, o Festival George Enescu, o Gstaad Menuhin Festival, o Schleswig-Holstein Music Festival, o Mecklenburg-Vorpommern Festival, o Festival MISA en Shanghai, o Festival Internacional de Violoncello do Conservatorio de Shanghai, o Festival de Música Clásica de Liangzhu en Hangzhou, e o Festival de Música Qintai en Wuhan. Tamén realizou xiras con concertos e recitais en Bélxica, Singapur, Corea do Sur e China. En dúo co pianista Boyang Shi, actuou en salas de grande prestixio como o Shanghai Concert Hall, o Shanghai Symphony Hall, o Victoria Concert Hall en Singapur, o Guangzhou Xinghai Concert Hall, o Shenzhen Concert Hall, o Xi’an Concert Hall, o Jiangsu Grand Theatre e o Qintai Concert Hall en Wuhan. No verán de 2023 completaron unha xira moi aclamada na que interpretaron a integral das obras para piano e violoncello de Beethoven en 17 concertos.

    Nado en 2001 en Shanghai, Yibai Chen comezou a súa formación musical aos cinco anos e estudou coa profesora Meijuan Liu na Escola Secundaria de Música afiliada ao Conservatorio de Shanghai ata finais de 2016. En 2017 trasladouse a Alemaña/Suíza para continuar os seus estudos co profesor Danjulo Ishizaka. É graduado da Academia de Música de Basilea e actualmente cursa o Konzertexamen (grao doutoral) coa mesma figura na Universidade das Artes de Berlín, onde tamén exerce como profesor asistente na Academia de Música de Basilea. Ademais, é artista residente na Escola Secundaria de Música afiliada ao Conservatorio de Shanghai e embaixador da prestixiosa editorial Henle Verlag.

    Yibai Chen toca un violoncello de Joseph Guadagnini (ca. 1780-1800) cedido pola fundación alemá Deutsche Stiftung Musikleben Hamburg.

  • Carla Guillén García

    Carla Guillén García (1999, Madrid) comezou os seus estudos de violín aos 4 anos na academia CEDAM de Madrid, con Sergio Castro e María José Cid. En 2006 iniciou a súa formación en viola no Conservatorio Profesional Joaquín Turina de Madrid. Rematou os estudos de grao profesional aos dezaseis anos coa máxima cualificación, obtendo o Premio Fin de Grao en Viola e o Premio Extraordinario da Comunidade de Madrid, baixo a dirección do profesor Ignacio G. de la Cuesta. Durante o grao superior formouse cos mestres Ashan Pillai, Laure Gaudron e Wenting Kang. Actualmente realiza un mestrado na prestixiosa Hochschule für Musik Hanns Eisler de Berlín, baixo a tutela do mestre Nils Mönkemeyer.

    Carla foi galardoada en diversos concursos como o Premio Mainake da Asociación Promúsica de Málaga, o Concurso de Xoves Intérpretes Leioa “César Uceda”, os Premios “David Russell”, o Concurso Intercentros Melómano, o Certame de Xoves Intérpretes “Cidade de Cuenca”, o Premio AIE Forum Musikae, o Premio Cidade de Vigo e o “Concurso Internacional de Viola Villa de Llanes”.

    A súa traxectoria artística inclúe destacadas colaboracións con diversas formacións camerísticas, así como participacións en festivais de renome internacional como o Schleswig Holstein Musik Festival, Chamber Fest München, Rostock Sommercampus Musik Festival, o Festival Internacional de Música de Cámara Musethica e o International Musicians Seminar Prussia Cove.

    Compartiu escenario con recoñecidos artistas como Julia Fischer, Nils Mönkemeyer, Alexandra Scott, Reto Bieri, Priya Michelle, Markus Bellheim, Lena Neudauer, Yuval Gotlibovich, Erica Wise ou Sara Bitlloch.

    Como solista, actuou con orquestras como a Norddeutsche Philharmonie Rostock, a Promúsica de Málaga ou a Munich Classical Players.

    Ademais, Carla foi bolseira de institucións de prestixio como a “Sociedade AIE” e a “Fundación Alexander Von Humboldt”. A súa excelencia e proxección artística levárona a ser seleccionada como “artista en ruta 2024” na categoría de música clásica da AIE.

Ti tamén formas parte da Orquestra Vigo430. Queres saber como podes colaborar?