II Festival Internacional de Música de Cámara de Vigo

II Festival internacional de música de cámara de Vigo
SINERXIAS 430: Mapas Invisibles- 25 Xaneiro: «Paisaxes Soñados» · 25 de Xaneiro
- 31 Xaneiro: «Momentos Rituais» · 31 de Xaneiro
- 14 Febreiro: «Do íntimo ao infinito» · 14 de Febreiro
- 20 Marzo: «Camiños da alma» · 20 de Marzo
- 18 Abril: «Ecos e travesías» · 18 de Abril
- 29 Maio: «Metamorfoses barrocas» · 29 de Maio
- C1: 27 de setembro: “O vals das almas secretas” · 27 de Setembro
- C2: 31 de outubro: “Proxecto Magnard” · 31 de Outubro
- C3: 14 de novembro: “Batallas, folías e paixóns” · 14 de Novembro
- C4: 28 de novembro: “De amor e fronteira” · 28 de Novembro
SINERXIAS 430
II edición — “Mapas invisibles”
Festival internacional de música de cámara de Vigo
Un mapa invisible é aquel que non se debuxou en papel pero que existe con toda a súa forza: o mapa das rutas que percorre a música a través dos séculos e das culturas, das conexións que se establecen entre compositores que nunca se coñeceron, das emocións e o coñecemento que atravesan fronteiras sen pasaporte. O festival Sinerxias 430 propón, edición tras edición, facer audibles esas conexións.
Clases maxistrais — Siqian Li
24 e 25 de setembro · CMUS Profesional de Vigo · horario de tarde
A presenza da pianista chinesa Siqian Li no II Festival Internacional de Música de Cámara de Vigo, “Sinerxias 430”, fai posible a oportunidade de impartir clases maxistrais no Conservatorio Profesional de Vigo nas datas nas que se atopará na cidade. Estas clases están subvencionadas na súa totalidade polo festival, polo que son gratuítas para o alumnado do centro.
1º Concerto: O vals das almas secretas
27 de setembro · Auditorio Afundación · 12:00 h.
Este programa lévanos a un percorrido polas múltiples máscaras da alma humana. Desde o melancólico Valse triste de Vecsey ata a fascinante espiral de La valse de Ravel, o concerto transita entre a elegancia e o misterio. A derradeira sonata de Debussy achega unha voz íntima e crepuscular, mentres que as Three Pieces de Clara Schumann revelan unha sensibilidade delicada e profundamente expresiva. Como culminación, o monumental Quinteto para piano de Brahms reúne todas esas emocións nun discurso de extraordinaria intensidade e apaixonamento, convertendo este programa nun auténtico baile de sentimentos ocultos, onde cada obra deixa entrever un anaco desas “almas secretas” que só a música é capaz de revelar.
Intérpretes: Catherina Lee, Siqian Li + Ensemble Vigo 430 (Mario Péris, violín; Javier Escobar, viola; Ariadna Chmelik, violonchelo).
Programa:
- Franz von Vecsey Valse triste (arr. Cziffra)
- Ravel La valse (arr. Korsantia)
- Debussy Violin sonata
- Clara Schumann Three pieces for violin and piano
- Brahms Piano quintet
Mesa redonda: “Canon e esquecemento: quen decide o que escoitamos?”
29 de outubro · Café Vitruvia · 20:00 h.
Para que serve un festival de música de cámara se non para facernos preguntas incómodas? O 31 de outubro, ao redor do programa Proxecto Magnard, Sinerxias 430 convida a reflexionar sobre un dos temas máis fascinantes e perturbadores da vida musical: o canon. Por qué escoitamos sempre os mesmos nomes? Quen decidiu que Brahms si e Magnard non? Qué obras, qué voces, qué mundos enteiros quedaron fóra dos libros de texto, dos programas de conservatorio, das salas de concerto? Está elo xustificado desde algún punto de vista?
Albéric Magnard morreu en 1914 defendendo a súa casa. A súa música ardeu con el. Pero o esquecemento comezara moito antes do lume. Esta mesa redonda non pretende dar respostas definitivas. Unha proposta para “abrir o mapa”.
2º Concerto: Proxecto Magnard
31 de outubro · Auditorio Afundación · 20:00 h.
Entre finais do século XVIII e ao longo do XIX, os instrumentos de vento madeira alcanzaron en Francia un período de extraordinario esplendor grazas ao Conservatorio de París, que se converteu no principal centro de formación e desenvolvemento da escola francesa de vento. Alí formáronse solistas virtuosos, consolidouse un amplo repertorio especializado e numerosos compositores atoparon nos timbres da frauta, do clarinete, do óboe e do fagot un espazo privilexiado para explorar novas cores e sonoridades.
O título de este programa nos serve para visibilizar e render homenaxe á obra do compositor francés Albéric Magnard, cuxo Quinteto para ventos e piano, op. 8, constitúe unha das obras máis relevantes do repertorio para esta formación. Con esta obra como eixo central do programa, a proposta convídanos a percorrer máis de medio século de música francesa para vento madeira e piano: desde o estilo vibrante de Françaix, pasando pola brillantez de Saint-Saëns, ata a lixeireza neoclásica de Poulenc.
Intérpretes: Laura Lorenzo, frauta; Virginia Lis, clarinete; Celia Olivares, óboe; María García, fagot; Brais González, piano.
Programa:
- Jean Françaix Quatuor (1912–1997)
- Camille Saint-Saëns Tarantelle, op. 6 (1835–1921)
- Francis Poulenc Trio para óboe, fagot e piano, FP. 43 (1899–1963)
- Albéric Magnard Quinteto para ventos e piano, op. 8 (1865–1914)
3º Concerto: Batallas, folías e paixóns
14 de novembro · Basílica de Santa María · 20:00 h.
A música instrumental do Barroco naceu profundamente ligada á capacidade de contar historias sen palabras. Lonxe de limitarse á beleza do son, os compositores recorreron a ritmos, xestos e contrastes para evocar emocións, describir escenas ou trasladar ao oínte a universos cheos de imaxinación. Batallas, danzas populares e paixóns humanas conviven así nun repertorio que transforma a música nunha auténtica linguaxe expresiva.
Este programa propón unha viaxe pola exuberancia do primeiro Barroco italiano e centroeuropeo a través dalgúns dos seus compositores máis inspirados. As sonatas de Castello, Bertali, Pandolfi Mealli ou Caldara revelan a liberdade creativa e o virtuosismo dunha época en plena transformación, mentres que as folías e ciaconas de Falconieri, Schmelzer e Vivaldi amosan como unha mesma fórmula harmónica podía dar lugar a un extraordinario universo de variacións. Entre o dramatismo da Battaglia e a forza hipnótica de La Follia, este concerto convida a descubrir unha música que, séculos despois, continúa sorprendendo pola súa fantasía e capacidade de emocionar.
Intérpretes: Manuela Mitterer + Ensemble barroco Vigo 430 (Pavel Amilcar, violín; Isabel Figueroa, violonchelo; Marta López, clave; Uxía Delgado, tiorba).
Programa:
- Antonio Bertali Sonata a 3 (2 violini è gamba)
- Dario Castello Sonata prima (recorder & continuo)
- Andrea Falconieri Folía echa para mi señora (recorder, violin & continuo)
- Giovanni Antonio Pandolfi Mealli Sonata “La Cesta” (violin & continuo)
- Johann Heinrich Schmelzer Ciaccona (recorder or violin, continuo)
- Andrea Falconieri Battaglia de Barabaso yerno de Satanás (recorder, violin & continuo)
- Antonio Caldara Trio Sonata in D minor (rec/oboe, violin, b.c.)
- Antonio Vivaldi Trio Sonata in D minor “La Follia”, RV 63 (recorder, violin & continuo)
4º Concerto: De amor e fronteira
28 de novembro · Auditorio Afundación · 20:00 h.
A música é unha das linguaxes que mellor atravesa as fronteiras. Viaxa coas persoas, mestúrase con novas tradicións e convértese nun espazo onde diferentes culturas dialogan sen renunciar á súa identidade. Neste programa, España e América Latina atópanse nun percorrido musical marcado polo amor, a memoria e a pertenza, revelando un patrimonio compartido que medrou a ambas as beiras do Atlántico.
Desde a elegancia de Turina e Falla ata a fonda raíz popular de Guastavino, Violeta Parra, Numhauser, Ariel Ramírez ou Piazzolla, cada obra ofrece unha mirada distinta sobre a emoción humana, sempre vencellada á forza da palabra, da danza e da melodía. A voz, a viola e o piano convértense nos fíos condutores desta viaxe, enriquecidos pola sonoridade do Ensemble Vigo 430, para debuxar un mosaico de paisaxes sonoras no que tradición e creación dialogan constantemente. Un concerto que celebra a capacidade da música para derrubar fronteiras e lembrar que as emocións máis profundas son, en realidade, universais.
Intérpretes: Anuschka Pedano, viola; María Pedano, voz; Illia Fialko, piano + Ensemble Vigo 430 (Sergio Aparicio, violín I; Sofía Muñiz, violín II; Ângela Neto, viola; Sara Balboa, violonchelo).
Programa:
Primeira parte
- José Serrano De España vengo (arr. para cordas, piano e voz)
- Joaquín Turina Escena andaluza (cordas, piano e viola solista)
- Carlos Guastavino Milonga de dos hermanos (piano e voz)
- Carlos Guastavino La rosa y el sauce (piano e voz)
- Carlos Guastavino Pampamapa (Aire de Huella) (piano e voz)
- Manuel de Falla Danza española (piano e viola)
- Manuel de Falla Siete canciones populares españolas (cordas e voz)
Segunda parte
- Violeta Parra Gracias a la vida (piano, viola e voz)
- Julio Numhauser Todo cambia (piano, viola e voz)
- Ariel Ramírez / Félix Luna Alfonsina y el mar (piano, viola e voz)
- Astor Piazzolla Grand Tango (piano e viola)
- Astor Piazzolla Chiquilín de Bachín (piano, viola e voz)
- Astor Piazzolla Yo soy María (piano, viola e voz)
Ti tamén formas parte da Orquestra Vigo430. Queres saber como podes colaborar?

